O que procuramos
Comprometidos coa Galipedia e o coñecemento libre
Autor: Des_Callaghan, licenza CC-BY-SA 4.0
Os fins da asociación son:
1. Contribuír a que o saber e a cultura sexan accesibles para todas as persoas a través da difusión directa de enciclopedias, libros, imaxes e outras compilacións de documentos que se presenten nun formato libre.
2. Difundir as obras que fosen liberadas polas persoas autoras destas con licenza libre, é dicir, cun formato libre e gratuíto, de tal xeito que en relación co seu contido, calquera persoa poida acceder con liberdade para:
· Utilizar os contidos e aproveitarse do seu uso.
· Estudar os contidos e aplicar os coñecementos que se deriven deles.
· Facer copias e redistribuílas.
· Modificar os contidos e facer unha nova distribución das obras derivadas.
Todo isto, sen prexuízo de que as diversas persoas autoras sigan a ser propietarias das súas obras.
3. Converterse nun nodo máis deste intercambio de coñecementos universal, achegando contidos xerados pola nosa propia cultura e en lingua galega.
Para a consecución destes fins, a asociación ten previsto desenvolver as seguintes actividades, con carácter enunciativo e non taxativo:
1. Axudar a coordinación de proxectos de coñecemento libre, hospedados nas webs oficiais de Wikimedia e nos proxectos irmáns.
2. Facilitar a existencia de canles de comunicación entre as persoas colaboradoras, propoñendo a celebración de xornadas de estudo, debates e foros que contribúan a un intercambio de coñecementos e de boas prácticas, en relación cos diversos proxectos en que colabore a entidade.
3. Promover desde a asociación proxectos de investigación científica, e liñas de investigación en calquera dos campos do saber, para un mellor cumprimento dos proxectos apoiados pola asociación.
4. Organizar e impartir cursos de formación arredor da posta en funcionamento e o desenvolvemento dos proxectos en que participe a asociación.
5. Organizar conferencias e exposicións de forma presencial ou ben por medios telemáticos, que sexan necesarias para difundir os valores da Wikipedia, e animar a cidadanía a que contribúa ao proxecto, en especial a través das achegas de contidos.
6. Colaborar con persoas físicas e xurídicas, e con institucións tanto públicas como privadas, en diferentes ámbitos, tanto no local como rexional, nacional, estatal ou internacional, para o mellor cumprimento das finalidades da asociación.
7. Promover calquera outra actividade que sexa de interese para as persoas asociadas e compatible coas finalidades da entidade.
Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre as persoas asociadas nin a outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.
Podes consultar os estatutos completos da asociación nesta ligazón.