Dende A3GAL, a Asociación de Amigas e Amigos da Galipedia e do Coñecemento Libre, queremos felicitar a toda a comunidade de Wikidata polo seu recente premio nos Open Publishing Awards de 2019. O obxectivo dos Open Publishing Awards é promover e celebrar unha ampla variedade de proxectos abertos no ámbito da publicación. Traducimos a continuación a comunicación do xurado sobre o proxecto:
"A maioría das veces cando chegas a un dos millóns de páxinas dunha Wikipedia en moitos idiomas diferentes, verás unha caixa de información no lado dereito. Estas caixas conteñen datos estruturados, recollidos por millóns de persoas ao longo dos case vinte anos que levan funcionando as Wikipedias. A partir de 2012, eses datos comezaron a pasar de estar nunha táboa estruturada a ser representados como datos totalmente estruturados, facendo que a información descritiva de millóns de obxectos, localizacións, persoas e conceptos abstractos poida consultarse de forma estruturada. Por isto, Wikidata está comezando a realizar a promesa da web semántica, permitindo respostas a consultas como "dáme os nomes e datas de nacemento de todos os gañadores do premio Nobel nados en África". Está integrando datos de moitos dominios e fontes diferentes nun marco común, apoiado en gran parte por voluntarios, que permite non só ler o coñecemento do mundo, senón tamén facer preguntas sobre el.
Wikidata destaca pola súa escala e o desenvolvemento paseniño dun grupo de recursos masivos de datos. Concretamente cando pensamos na súa publicación, permite conectar millóns de individuos, organizacións, conceptos e resultados de investigacións, e entender como se relacionan entre eles. A filosofía e o contido abertos son esenciais en Wikidata. Constrúese fundamentalmente con datos abertos e demostra que son necesarios permisos claros para crear sistemas integrados a escala. Os xuíces quedaron impresionados polo tamaño e o compromiso central de apertura que quedan patentes nas comunidades de Wikidata e de Wikimedia en xeral, así como no seu poder para abrirse a unha enorme posibilidade de comunidades a través de datos abertos estruturados. O impacto de Wikidata está aínda medrando pero xa sostén un abano de ferramentas e sistemas como Scholia, así como permite o escalamento doutros grupos de datos masivos. O seu potencial é significativo."
Comments